jueves, 23 de abril de 2020

PREMIO CLUBS DE LECTURA POLO DÍA DO LIBRO

Co gallo da conmemoración do Día Mundial do Libro 2020, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, desde a que se coordinan as intervencións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura, dispón: 
 Recoñecer o labor das autoras e dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura. Con esta finalidade, creouse en 2015 o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, se outorgará ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura, mediante a lectura de un ou varios títulos, no curso precedente.

O premio dos Clubs de Lectura 2020 da Consellería de Educación é para a autora Andrea MaceirasNada na Coruña en 1987, Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. Compaxina o seu labor como escritora coa docencia en Secundaria.  É autora das novelas Proxecto Bolboreta (2007, obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior), Violeta Tamurana (2010, 4º Premio Meiga Moira e finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011), O segredo do lagarto arnal (2012), Nubes de evolución (2013, finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014), Miña querida Sherezade (2014), Volverás, golfiño (2014, finalista do Premio Merlín, 2013), Europa Express (2015, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil), O que sei do silencio (2018, finalista do Premio Raíña Lupa) e Conta nove estrelas (2019, Premio Lazarillo 2018).